A Asociación Galega de Deseño informa do lanzamento do arquivo dixital do deseño galego como parte da súa plataforma AR\DE.
O proxecto AR\DE reforza o seu papel como espazo de investigación, difusión e preservación da memoria do deseño en Galicia coa incorporación dunha nova sección, dedicada a compilar pezas de deseño, que se suma ao actual repositorio de recursos e ao pódcast Rexistro Sonoro do Deseño Galego.
Logo de meses de traballo, ve a luz o froito da terceira fase desta iniciativa promovida pola Asociación Galega de Deseño que contou para o desenvolvemento da web co estudio vigués Desoños, responsables do deseño da identidade do proxecto e da páxina, e co apoio da Deputación da Coruña a través da súa liña de axudas 2025.